Monday 29 de April de 2024

Santiago Freire convida aos noieses a “darse unha volta por Noia e comprobar que cumprimos o que comprometemos”


 

Freire comparou “a actitude de candidatos que van facerse a foto para dicir que a depuradora funciona mal” fronte “aos arranxos realizados polo PP polo deterioro de 9 anos de inacción do anterior Goberno”
Por terceira vez nestes últimos meses, o Coliseo Noela quedou pequeno para acoller o mitin central do Partido Popular de Noia nestas eleccións municipais, no que contaron coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez. Máis de 400 veciños e veciñas encheron o local ata os topes e mesmo houbo máis de medio cento de persoas que tiveron que quedar de pé, ao non ter dispoñible ningún asento nos tres pisos do Coliseo, ou seguir as intervencións dende as bancadas da entrada.

O candidato do PP e actual alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, fixo un chamamento á veciñanza a romper co feito de que o Partido Popular non fora quen de revalidar o goberno no municipio. Por iso, convidou aos noieses a “darse unha volta por Noia e comprobar que cumprimos o que comprometemos”.

Freire Abeijón puxo en valor o traballo realizado nos últimos tres anos, o que impediu que moitos dos proxectos xestionados estean a piques de comezar, como os 667.000 euros para a rehabilitación do CEIP Felipe de Castro, ou se estean executando nestes momentos, como a construción do novo Museo do Mar, as beirarrúas de San Bernardo ou a reordenación ambiental do Testal.

Santiago Freire asegurou que a revista de 48 páxinas repartida hai un par de semanas coas actuacións realizadas “xa quedou antiga”, destacando que “acabamos de confirmar 80.000 euros para a pavimentación dos viais interiores do polígono de Augalevada e 480.000 euros para a ampliación da lonxa do Testal, onde imos mellorar as condicións de impermeabilización e estanqueidade do inmoble e onde imos colocar unha grada para que calquera turista que o desexe poida ver o proceso de clasificación”.

Así mesmo, explicou os traballos que está a facer o Concello de Noia na depuradora e que inclúen o cambio de toda a cuberta do inmoble. “Aquí vemos a actitude dalgúns candidatos que van aló a facerse a foto para dicir que a depuradora funciona mal, pero non din que unha cuberta non se deteriora en so tres anos. Isto é froito da inacción dos anteriores gobernos do PSOE co BNG e co NOIA que, de 2007 a 2016, non fixeron ningunha actuación de mantemento, igual que tampouco o fixeron no colexio Felipe de Castro”.

Por iso, Freire Abeijón asegurou que “non se pode chegar a dous meses das eleccións e dicir que Noia quere cambio. Quixo cambio hai 4 anos e non o permitiron, pero nós seguiremos traballando ata o último día para seguir mellorando e conseguindo investimentos para a nosa vila”.

Casco antigo

Pola súa banda, Ánxeles Vázquez fixo un repaso de todas as obras que o seu departamento ten realizado ou comprometido “co Concello de Noia e con Santi Freire”, como a urbanización da Praza das Américas, a posta en valor de sendas rutas de sendeirismo ou os 82.500 euros para a posta en valor do casco histórico.

Neste punto, Vázquez destacou que “hoxe entra en vigor a Lei de Rehabilitación de Galicia, que propiciará que a partir de hoxe cando un veciño teña que facer unha obra de rehabilitación no casco histórico, salvo que sexa nun BIC, non terá que pedir permiso a Patrimonio e bastará coa licenza do Concello. E iso é así grazas ao traballo de moita xente, especialmente de Santi Freire no grupo parlamentario popular”.

Finalmente, os tres candidatos que precederon a Freire no uso da palabra tamén insistiron en poñer en valor o traballo realizado nos últimos tres anos. Mariola López, Laura Salgado e Julio Bustelo foron os encargados de facer un repaso polas distintas actuacións realizadas e xestionadas polo actual Goberno de Noia, contrapoñendo os avances realizados coa parálise vivida durante o desgoberno socialista.

Así mesmo, aproveitaron para presentar proxectos para a vindeira lexislatura, algúns deles xa en marcha como o millón de euros para a remodelación da Praza de Abastos ou a rehabilitación da fachada marítima; e outros en proxecto como o novo parque de tiroliñas para San Lázaro ou o refuxio de animais no polígono de Augalevada, para o que aproveitaron a presenza de Ánxeles Vázquez para pedirlle a colaboración do seu departamento na financiación.